Seccións bilingües

O noso centro a través da Resolución provisional do 17 de xullo de 2012, pola que se autorizan novas seccións bilingües para o curso 2012/2013, foi autorizado a pór en marcha no vindeiro curso escolar catro seccións bilingües, 2 no primeiro nivel de Primeiro Ciclo (1º A/B) e 2 no primeiro nivel de Segundo Ciclo (3º A/B). A materia non lingüística que se impartirá nestes cursos será a de Plástica.

Con esta nova iniciativa pretendemos utilizar o inglés como vehículo de aprendizaxe e de coñecemento noutras áreas curriculares co obxectivo de desenvolver nos alumno/as o coñecemento e uso adecuado, tanto da lingua galega como do castelá e da lingua inglesa, nas súas manifestacións oral e escrita, que permitan aos alumnos/as adquirir a competencia comunicativa necesaria para desenvolverse en situacións cotiás, dando prioridade ás destrezas de escoitar (Listening) e falar (Speaking) para posteriormente ler (Reading) e escribir (Writing).

Acción de Verán

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, convoca, unha vez máis, a Campaña de Verán 2012, para favorecer que a xuventude empregue parte do seu tempo vacacional en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional.

'Acción de Verán' é un programa de actividades que ten lugar durante os meses de xullo e agosto, tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas. Está composto por diferentes áreas, que comprenden actividades de lecer para toda a xuventude e actividades de voluntariado en campos de traballo nacionais e estranxeiros.

As actividades da campaña de verán están dirixidas a todos aqueles mozos e mozas que desexen pasar un verán diferente, cooperando en iniciativas sociais ou compartindo experiencias con outros rapaces en campamentos de todo o estado. Son unha forma económica e divertida de axudar e gozar.

Axudasle

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca 2.495 prazas para realizar actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2012.
Poderá solicitar estas axudas o alumnado de centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma Galega dos cursos que aparecen na seguinte táboa.

Prazo aberto dende o 6 de marzo ata o 7 de abril (incluído)

Desfile do Entroido

O vindeiro venres, día 17 de febreiro, o Ceip. de Figueiroa celebrará o seu tradicional festival do entroido tal como vén celebrando nos últimos anos; é dicir, aberto a todos os membros da comunidade Educativa do noso centro. Saímos así ao paso dos rumores  que circulaban pola rúa que informaban de que non se permitiría o acceso a pais e nais como medida de presión do Claustro de profesores diante dos recortes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Queremos informar a toda a comunidade educativa que o Claustro acordou, para este curso escolar, celebrar todas as actividades sempre e cando se realicen dentro do horario lectivo; é dicir que non impliquen xornada de tarde, agás o Proxecto Arce (saída a Rasquera-Reus) por ser un proxecto bianual e comprometido no curso 2010-11.

O desfile do entroido terá lugar no pavillón de deportes do centro e dará comezo ás 10:30 h. Participarán a totalidade dos alumnos/as.